Blog

02.11.2014 21:18

Crónica correspondente á 5ª xornada da Liga Provincial Feminina, partido disputado o sábado 25 de Outubro ás 16.00h no Pavillón Municipal de  Vimianzo, e que enfrontaba ó Fisober B FSF e ó Concello de Ponteceso FSF, con resultado de 1-6 a favor das visitantes.

 

FISOBER B FSF: Paula, Tamara, Paula, Nuria e Laura - tamén xogaron - Andrea, Alejandra, Antía e Anabel.

 

A.D.VILA DE PONDAL-CONCELLO DE PONTECESO FSF: Salomé, Martina, Carmen, Elsa e Sandra - tamén xogaron - Ana, Cintia, Zeltia e Noa.

 

Árbitros: Jorge Varela Señarís (árbitro) e Jesús Mallo Nieto (cronometrador), ambos do comité técnico de Santiago.
Amoestaron a Sandra por parte visitante con dobre cartón amarelo e a súa correspondente expulsión.

 

Goles: 0-1.- Carmen
           0-2.- Alejandra (p.p.)
           0-3.- Carmen
           0-4.- Martina
           1-4.- Tamara
           1-5.- Zeltia
           1-6.- Ana


Bo partido o feito polo Concello de Ponteceso FSF no primeiro derbi da tempada contra o Fisober B FSF. As pondalianas saíron moi enchufadas, presionando arriba desde o primeiro momento, o que fixo que, xa no primeiro minuto, Carmen adiantara ás visitantes cun gol de penalti despois dunha man na área sinalada polo colexiado. Aínda con vantaxe no marcador, non baixaron a presión as pontecesanas, que tiñan o dominio do balón e o control do partido e, nun saque de córner de Carmen, Alejandra metía sen querer o balón na súa propia portería, aumentando así a distancia no luminoso a favor das pontecesanas. O equipo pontecesán vía como o seu esforzo e o seu bo traballo estaban dando os seus froitos e, tras unha boa trianguación entre Cintia, Carmen e Martina, ésta mételle un pase de vaselina a Carmen, que se encarga de culminar a xogada cun bo remate de cabeza, facendo que o balón pasase por riba da porteira, facendo así do terceiro tanto un moi bonito gol poucos minutos antes do descanso. E non sería o último, pois Martina poñía o 0-4 no luminoso a 2 minutos de ir cara os vestiarios cun tiro ó primeiro pao tras unha boa xogada combinativa con Cintia, ó que non puido chegar a meta vimiancesa. Chegaba así o final do primeiro período, cunha clara vantaxe a prol das pontecesanas.

Na volta dos vestiarios o partido seguiu como na primeira metade. As xogadoras de Barca e Curro tiñan o dominio do encontro, gozando de máis oportunidades de aumentar ainda máis a distancia no luminoso. Cintia  intentábao cun bo disparto desde a frontal, que vai fóra por pouco. E nun despiste defensivo das visitantes e un erro da porteira Salomé, era Tamara a que acortaba distancias para o Fisober. Co gol, as vimiancesas intentaron disputarlle a pelota ás da Vilda de Pondal, subindo a liña de presión, intentando que as visitantes fallaran e acercándose máis á portería rival, pero sen dispoñer de ocasións claras coas que seguir recortando distancias. Carmen intentábao outra vez para as pontecesanas, pero os seus tiro foron rexeitados pola porteira rival. E o quinto tanto chegou cun gol de Zeltia, que remata no segundo pao tras un pase de Martina. Quedaban poucos minutos para o final do encontro, e o Ponteceso volvía ter o dominio e as oportunidades máis claras, pero sen saber aproveitalas. Era Ana a que, a 2 minutos do final,poñía o 1-6 final no cadro, definindo desde a frontal da área tras un pase de Carmen, e o tiro entra por debaixo das pernas da porteira local. Remataba así o encontro, co outra boa imaxe dada polo Concello de Ponteceso, que suma 3 puntos máis, os que fan un total de 8, e que suben ó equipo ata a 5ª posición, a tan só un punto do 3º clasificado e a tres do 1º.

Na vindeira xornada enfrontaranse ó S.D. A Baña, o sábado 1 de Novembro ás 19.00h no Municipal de Ponteceso.

02.11.2014 21:16

Crónica correspondente á 4ª xornada da Liga Provincial Feminina, disputado o sábado 18 de Outubro ás 19.00 no Pavillón Municipal de Ponteceso entre o Concello de Ponteceso FSF e o Concello de Carnota-Lira FSF, e que acabou con empate a 3 no marcador.

 

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF: Salomé, Martina, Carmen, Elsa e Sandra - tamén xogaron - Cintia, Noa, Ana e Zeltia.

CONCELLO DE CARNOTA-LIRA FSF: Lia, María, Alba, Sandra e Bárbara - tamén xogaron - Leticia, Inés, Martina e María.

Árbitros: Maryluz Mendoza Escalona (árbitro) e Inmaculada Silva Martínez (cronometrador), ambas do Comité Técnico de Santiago.
Amoestaron a Martina, Noa e Elsa por parte local e a Inés e Bárbara pola visitante.

Goles: 0-1.- Sandra (min.1)
           0-2.- Leticia (min.6)
           1-2.- Carmen (min.17)
           2-2.- Noa (min.19)
           2-3.- Bárbara (min.22)
           3-3.- Martina (min.38)

 

Intenso o partido vivido a tarde do sábado no Municipal de Ponteceso entre dous equipos con serias aspiracións a estar no alto da táboa.
O encontro comezou cos dous equipos atrás, esperando a ver que facía o rival. Pero non non saíron moi confiadas as pontecesanas, o que fixo que tras unha pérdida de balón no medio do campo, Sandra logra irse de Elsa e bater a Salomé, facendo o primeiro tanto da tarde. Non lles sentou moi ben este temprano gol ás xogadoras locais, que non contaban con ir tan pronto por detrás do marcador, pero non baixaron os brazos e intentaban chegar á portería rival. Non houbo ningunha ocasión clara por parte de ningún equipo ata que, no minuto 14, a colexiada santiaguesa pita falta na área por man de Elsa (inexistente), penalti que Leticia se encarga de transformar, poñendo así o 0 a 2 no luminoso. Pero a pesar de ir con desventaxa no marcador, viñéronse arriba as pondalianas, comezando a ter o control do partido e xerando ocasións de perigo. Carmen tivo dúas oportunidades de acortar distancias, unha cun tiro ó pao e outra cun bo tiro que despexa a meta visitante, e que Cintia no rechace manda fóra por pouco. As carnotanas intentaban defender a súa portería, pero Carmen conseguiu acortar distancias a 3 minutos do descanso cun remate no segundo pao e, no último minuto antes de ir cara os vestiarios, Cintia lanza rasa unha falta desde o medio do campo que Noa remata cun bonito taconazo, poñendo as táboas no marcador.

O segundo período comezou cos dous equipos enchufados, buscando o fallo do rival. E outra vez volvían adiantarse cedo as carnotanas, desta vez cun tiro de Bárbara que no logra sacar Salomé. A partires deste gol o encontro foi máis intenso, coas xogadoras de Barca e Curro facendo un bo xogo e intentando chegar á portería rival para conseguir remontar e coas de Lira intentando aumentar más a distancia, pero ningún dos conxuntos conseguía crearlle problemas ó rival con claras ocasións. Non foi ata o último minuto cando, tras un remate de Carmen de tacón, a porteira párao pero o esférico escápaselle no seu único fallo da tarde, e Martina, que foi moi hábil e esperaba o rechace, fai o 3-3 desde a mesma liña de gol, salvando así ó seu equipo da derrota.

Rematou así o encontro con reparto de puntos, que deixa ó Concello de Ponteceso 7º na táboa con 5 puntos e un partido menos (descansou na xornada anterior), e que se enfrontará na vindeira xornada ó Fisober FSF "B" en Vimianzo.

02.11.2014 21:15

Segunda xornada da Liga Provincial Feminina de A - Segunda xornada da Liga Provincial Feminina de A Coruña, disputada o sábado 4 de Outubro ás 16.00 no Pavillón Municipal de Novo Mesoiro, e que enfrontaba ó Grupo Work FSF co Concello de Ponteceso FSF e que remataba con empate a 3.

 

Grupo Work FSF: Bea, Sandra, Patricia, Ainhoa e Nuria -tamén xogaron- Laura, Alba Vázquez, Alba Taibo, Cristina Rosalía e Ana Belén.

 

A.D.Vila de Pondal-Concello de Ponteceso FSF: Salomé, Noa, Carmen, Elsa e Cintia -tamén xogaron- Martina, Sandra, Carla e Ana.

 

Árbitros: José Manuel Fernández Fiuza (árbitro) e Fernando Barrós Naveira (cronometrador), ambos do comité técnico de A Coruña.

Amoestaron a Ana, Salomé e Cintia por parte visitante.

Expulsaron a Patricia por parte local e a Carmen pola visitante, ambas por dobre cartón amarelo.

 

Goles: 1-0.- Sandra (min.5)

1-1.- Cintia (min.8)

2-1.- Sandra (min.12)

2-2.- Cintia (min.17)

2-3.- Sandra (min.36)

3-3.- Nuria (min.39).

 

Emocionante partido o vivido a tarde do sábado no Municipal de Novo Mesoiro entre dous equipos que xa se coñecen ben, e que viñan de vivir catro duros enfrontamentos na pasada tempada entre Liga e Copa e o Ponteceso chegaba con varias xogadoras tocadas.

Ambos equipos saíron á espera do rival, xogando con calma e defendendo no seu campo. Foron as coruñesas as primeiras en querer levar a iniciativa e isto levounas a ser

as que inaugurarían o marcador por medio de Sandra, que facía o 1-0 nun man a man coa porteira visitante. Este gol non fixo máis que centrar ás pontecesanas, que lonxe de baixar os brazos, comezaron a mostrar bo xogo, o que non tardou en dar os seus froitos, pois Cintia cun tiro cruzado, poñía o 1-1 no marcador 3 minutos despois de que se adiantaran as locais. A partir deste momento aumentou a intensidade do encontro, con ambos conxuntos intentando chegar á portería rival. Tivo unha boa ocasión o Ponteceso cun tiro de Carmen, pero este vai fóra por pouco. E serían as herculinas as que si lograrían o tanto, outra vez por medio de Sandra, que volvía a poñer por diante ó seu equipo. Pero ó igual que ocorreu co primeiro gol, este tanto fixo que as de Barca e Curro se viñeran arriba, intentando por todos os medios conseguir o empate. E nunha chegada á área do equipo pontecesán, unha mala defensa do Grupo Work fixo que cometeran falta a Carmen dentro da área e Cintia era a encargada de transformar a pena máxima, poñendo outra vez as táboas no luminoso. Nos últimos minutos da primeira metade non habería ocasións manifestas de gol, polo que se chegaba ó descanso co 2-2.

No segundo período cambiarían as tornas, posto que serían as pondalianas as que daban un paso adiante subindo as liñas de presión e intentando levar o peso do encontro. A intensidade do partido seguía sendo a mesma, pero pasaban os minutos e o marcador non cambiaba. Cintia, por dúas veces, estivo a piques de adiantar ó Ponteceso, pero o esférico foi dar ó pau as dúas veces. Non sería ata o minuto 36 cando Sandra, tras unha xogada individual, tiraba dende a frontal na área e conseguía bater á meta herculina Bea, poñendo ó seu equipo por diante no marcador por primeira vez no partido. Este tanto a escasos minutos do final provocou que as coruñesas saísen de 5 con porteira-xogadora. Aguantaron ben as visitantes o ataque das locais, pero a un minuto do final, un bo tiro de Nuria entraba na portería defendida por Salomé, que nada puido facer para evitar que entrase.

Remataba así coas táboas no electrónico, despois dun bo partido de fútbol sala.

A vindeira xornada tocaralle descansar ó Concello de Ponteceso FSF.

02.11.2014 21:12

Partido correspondente á 1ª xornada da Liga Provincial, disputado o sábado 27 de Setembro ás 19:00 no Pavillón Municipal de Ponteceso, disputado entre o Concello de Ponteceso FSF e o Ártabras Fene FSF, con resultado de 2-1 a favor das locais..

 

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF: Salomé, Carmen, Martina, Elsa e Cintia – tamén xogaron – Zeltia, Noa, Ana.

 

ÁRTABRAS FENE FSF: Mavi, Claudia Rosa, Andrea, Antia e Cintia - tamén xogaron - María, Carolina e Almudena.

 

Árbitros: Roberto Martínez Pena (árbitro) e Paula Garrido Brandón (cronometrador), ambos do Comité Técnico de A Coruña.

Amoestaron a Martina, Noa e Elsa por parte local. Expulsaron a Claudia Rosa pola parte visitante.

 

Goles: 0-1.- Claudia (min 10) 1-1.- Cintia (min 20) 2-1.- Carmen (min 25) Intenso partido o vivido a tarde do sábado no municipal de Ponteceso, que enfrontaba ó equipo local contra o recén formado Ártabras Fene. O partido comezou cos dous equipos esperando atrás, a ver que facía o contrario. Pero co paso dos minutos empezaron a animarse as pontecesanas, intentando chegar á portería rival. A piques estiveron de adiantarse no marcador, pero Martina non chegaba ó segundo pau rematar un bo pase de Cintia despois dunha xogada combinativa con Carmen. Cando parecía que non ían tardar en anotar as locais, chegáronlle uns minutos cheos de fallos que fixeron que as de ferrolterra se viñeran arriba, comezando a levar o peso do encontro. Durante varios minutos foi un acoso continuo das visitantes e, nunha xogada, tras un erro de cobertura das locais, Claudia abría a lata para as visitantes cun tiro que non puido ataxar Salomé. A pesares de recibir o gol, non baixaron os brazos as pondalianas, e volveron a ter o control do xogo e xerar ocasións, como un tiro de Cintia que vai fóra por pouco. Pero no último minuto da primeira metade, Cintia ve á meta rival fóra da área e tira a portería, tiro que interceptou coa man Claudia, provocando un penalti e a súa expulsión. Co tempo xa rematado, era a mesma Cintia a que se encargaba de transformalo, levando ó equipo o vestiario coas táboas no luminoso.

O segundo período comezou coas xogadoras de Barca e Curro moi metidas no partido. Xa nos primeiros minutos se ían achegando á portería visitante e, no minuto 5 e tras unha dobre parede de Carmen e Cintia, Carmen poñía ó Ponteceso por diante no marcador cun remate no segundo pau. A partir de aí o partido estivo cheo de idas e

voltas, cun equipo intentando sentenciar e co outro intentando non perder os puntos. Pero ata os últimos 5 minutos, nos que as de Fene saíron de 5 con Mavi, non chegaron as ocasións máis claras para ambos conxuntos. A boa defensa das pondalianas e a boa resposta da meta Salomé evitaron que as visitantes lle deran a volta ó marcador, sobre todo en 3 xogadas claras de gol que despexaba moi ben Salomé. Pero estas xogadas tiñan resposta das locais, que tamén tiveron oportunidades de sentencia-lo partido, pero Cintia por varias non conseguía que o esférico cruzase a liña de gol. E así chegou o final do encontro, co resultado de 2-1 e coas pontecesanas acadando os 3 primeiros puntos ante a súa afición e dando unha boa imaxe, tanto de xogo como de esforzo.

A próxima fin de semana o equipo pondaliano enfrontarase a un duro rival que nesta primeira fin de semana de competición descansou, será no Pavillón Municipal de Novo Mesoiro o sábado 4 de outubro ás 16.00h ante o Grupo Work.

25.06.2014 15:30

O Concello de Ponteceso FSF despediu a súa tempada cunha cea de equipo o venres 20 de Xuño, á que asistiron todos os compoñentes do equipo pontecesán.


A pesar de non ser a mellor campaña das pondalianas, o conxunto está satisfeito co traballo logrado tras o esforzo feito esta tempada, na que melloraron moito a nivel ofensivo, tendo que mellorar ainda a parcela defensiva, pero que se viu mermada polas lesións de varias das súas integrantes. Carmen, Martina e Bea estiveron varias xornadas sen poder disputar os partidos polas lesións, ainda que a lesión máis grave foi a de Alba Reyes, que pasou máis da metade da tempada sen poder xogar, tendo incluso que pasar polo quirófano debido a unha lesión no xeonllo. A estas baixas obrigadas, sumóuselle unha máis coa saída do equipo de Laura por motivos personais, deixando así máis corta a plantilla, que este ano comezou con 10 integrantes, pero que rematou a liga con 7, das cales 3 seguían tocadas.  O  corpo técnico xa está configurando o equipo para a vindeira tempada, a cal estará formada pola plantilla deste ano, incluídas as dúas incorporacións feitas para a copa, e que contará con un par de incorporacións para poder contar con máis fondo de banquillo e para que non lles pase o desta tempada coas posibles lesións.
Pero non só haberá incorporacións de xogadoras, senón tamén contarán con incorporacións na xunta directiva e no corpo técnico para colaborar máis e mellor neste proxecto, xa que para o ano intentarán conseguir obxectivos maiores.
O club quixo agasallar cuns pequenos detalles ás xogadoras o día da despedida, para que cada unha delas teñan un bo recordo tanto do corpo técnico como das compañeiras e para que cheguen á pretemporada con ganas de volver xogar e motivadas para intentar facelo mellor que a tempada xa pasada.


Por último, a familia do Concello de Ponteceso FSF agradécelle a todos os colaboradores: Concello de Ponteceso, Seguros Gontad, Atmósfera Sport, Carnicería Eusebio Martínez, Bar Rosalía, Peluquería Imaxe, Restaurante A Pesqueira, Café-Bar O Cruce, Cervecería Faldra Folk, Restaurante Miramar (Corme), Transportes Cotelo, Imprenta Ponteceso, Cervecería O Pazo (Pazos), Nando Varela e Cervecería A Eira de Ponteceso; Apligasa de Cabana de Bergantiños, Mesón A Taberna de Montemaior, Kotablue de Culleredo, Nuriclima S.L. de Coirós e a todos aqueles que brindaron calquera tipo de axuda durante a tempada, pois sen todos eles este proxecto non sería posible.

 

Moitas gracias a todos por acompañarnos unha temporada máis e esperamos vervos para a próxima!!

Un...Dous...Tres...PONTECESO!!!

09.06.2014 15:31

Partido correspondente á volta da Copa Provincial Feminina, disputado o sábado 7 de Xuño ás 18:00 da tarde no Pavillón Sagrada Familia de A Coruña, entre o Grupo Work FSF e o Concello de Ponteceso FSF, con resultado de 1-1, que clasifica ás coruñesas para as semifinais.

 

GRUPO WORK FSF : Cristina, Patricia, Sandra, Ainhoa e Alba – tamén xogaron – Nuria,Carmen, Alba, Adelaide, Cristina e Amanda.

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF:  Salomé, Martina, Carla, Carmen e Sandra – tamén xogaron –Cintia, Noa, Ana, Bea e Zeltia.


Árbitros: Borja Moreira Bermúdez (árbitro) e David Pérez Torrecilla (cronometrador), ambos do Comité Técnico de A Coruña.
Amoestaron a Adelaide e  Ainhoa por parte local e a Noa por parte visitaten.
Expulsaron a Sandra por parte local por dobre amarilla.


Goles:   1-0.- Carmen
             1-1.- Cintia

 

Intenso partido o visto a tarde do sábado na Sagrada Familia, con dous equipos motivados e con ganas de pasar á semifinal da Copa.
A primeira metade foi moi igualada en canto a xogo e ocasións. Os dous equipos saíron metidos no partido, presionando arriba e complicándolle a saída do balón ás rivais, pero ambos conxuntos aguantaron ben a presión en defensa. Pouco a pouco iban xerando oportunidades e creando perigo nas porterías contrarias. As pontecesanas, que contaban con varias xogadoras tocadas do partido anterior, intentaban poñerse por diante no marcador con varios tiros de Cintia e Sandra, pero despéxaos sen problema a gardameta local. No momento en que máis igualado estaba o partido e a poucos minutos de ir cara os vestiarios, un erro en defensa das pontecesanas provoca un man a man entre Carmen e a porteira visitante, que a coruñesa resolve cun tiro que pasa entre as pernas de Salomé, adiantando ó Grupo Work no marcador. Intentarion volver poñer as táboas no luminoso as pondalianas, pero sen conseguilo e chegando ó descanso co 1 a 0.


No segundo período saíron máis enchufadas as xogadoras de Barca e Curro, tendo tanto o dominio do balón como o do partido. Nada podían facer as herculinas para evitar a chegada das pontecesanas á súa portería agás faltas. Cintia era a que máis perigo creaba para as visitantes, chegando moitas veces á liña de fondo e dando ó pase ó segundo pao, ó que non conseguía chegar ningunha compañeira. Tan só tiveron unha ocasión clara as do Grupo Work, un man a man tras unha contra que para ben Bea, que sustituíra a Salomé no final da primeira metade. Seguíao intentando o Ponteceso, e nunha xogada de Cintia, sinala penalti o colexiado por man dunha defensora, penalti que a mesma Cintia se encarga de transformar, poñendo outra vez o empate no marcador e sabendo que ainda tiñan tempo para remontar o partido. Tras este gol non deixaron de intentalo as pontecesanas, que seguían dominando o partido, pero non tiñan sorte de cara á portería rival. A 15 segundos do final, chegaba a última oportunidade de acadar a vitoria e o pase a semifinais, por medio dun tiro de castigo tras pitar o árbitro a sexta falta das coruñesas. A encargada de tiralo era Cintia, que xa transformara o penalti, pero desta vez a porteira herculina sería a protagonista, tras pararlle o tiro e levar ó seu equipo ás semifinais da Copa Provincial.
Desta vez, a sorte viroulle as costas ás pontecesanas que, a pesar de ser mellores nos dous partidos da eliminatoria, viron como as contrincantes pasaban de ronda sen gañarlles ningún partido. Pese á eliminatoria, vimos no cadro pontecesán unha boa imaxe no terreo de xogo, o que deixa ó equipo satisfeito co traballo realizado, ainda que triste por non acadar o pase á seguinte eliminatoria. Remataban así unha tempada chea de altos e baixos.
 

02.06.2014 13:35

Partido correspondente á ida da Copa Provincial Feminina, disputado o sábado 31 de Maio ás 17:00 da tarde no Pavillón Municipal Ponteceso, entre o Concello de Ponteceso FSF e o Grupo Work FSF, con resultado de 2-2.

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF:  Salomé, Martina, Carla, Carmen e Sandra – tamén xogaron –Cintia, Noa e Ana.

GRUPO WORK FSF : Cristina, Patricia, Sandra, Ainhoa e Alba – tamén xogaron – Nuria, Lara, Amanda e Cristina.

Árbitros: Antonio Presedo García (árbitro) e Alejandro López Calvo (cronometrador), ambos do Comité Técnico de Santiago.
Amoestaron a Noa e Carmen por parte local.


Goles:   0-1.- Sandra (min.26)
    1-1.- Cintia (min.33)
    2-1.- Cintia (min.34)
    2-2.- Ainhoa (min.36)

 

Volvían á competición os dous equipos despois dun mes de descanso en competición oficial tras o remate da Liga. No equipo pontecesán, que pasou a temporada mermado polas baixas, debutaban as dúas novas fichaxes para esta Copa, Cintia (ex Suevos Amarelle B) e Noa (ex xogadora do Manuerva Suevos, que nestes momentos non xogaba).
Comezou o partido cos dous equipos esperando a ver que facía o outro, sen moita presión e xogando o balón con tranquilidade. Pero ós poucos minutos subiu a presión o Ponteceso, complicándolle a saída de balón ó Grupo Work e acercándose á portería contraria. Comezaban tamén a ter a posesión do balón as pontecesanas, o que xerou varias ocasións de perigo, tendo dúas claras Sandra e Martina, pero ambos tiros os manda a porteira visitante a córner. Vendo o bo traballo que estaba facendo o equipo pondaliano, comezaron a presionar arriba as herculinas, para que ás locais non lles fose tan fácil chegar á portería defendida por Cristina. As oportunidades máis claras das coruñesas viñeron de contra tras dous roubos de balóns no seu campo, pero ambos tiros os despexou a córner Salomé. Os últimos cinco minutos da primeira metade foron un tira e afloxa dos dous equipos, chegando rápidamente á portería rival e con varios tiros que mandaron fóra as visitantes e outros que lle ataxou ben a meta coruñesa ás pontecesanas. Chegábase ó descanso co 0 a 0 inicial.


A segunda metade comezou con intensidade por parte do equipo dirixido por Suso Carreira que, tras unha xogada combinativa, se adiantaba no marcador no primeiro minuto cun tiro de Sandra dende o borde da área.  Non contaba o Ponteceso con ese rápido tanto, pero ó contrario de virse abaixo, contestaron as xogadoras de Barca e Curro presionando arriba e, tras un roubo no seu campo e unha boa xogada de Cintia, Noa mandaba o balón por riba do largueiro, avisando ás coruñesas de que non baixaban os brazos. A presión e a rapidez no xogo do Ponteceso, especialmente de Cintia, provocaba que as coruñesas fixeran varias faltas no seu campo e, nunha desas faltas, era a propia Cintia a que, cun tiro desde casi o medio do campo e que desvía lixeiramente cara a portería Carmen, poñía outra vez en táboas o luminoso, anotando o empate a 1. Non pasaba nin un minuto cando despois dunha xogada individual de Cintia, a porteira visitante rechaza un tiro de Carmen e Cintia era a que lle daba a volta ó marcador cun remate dende o primeiro pao. Tras este segundo gol, volveron subir a presión as coruñesas, conseguindo que nun saque de balón das pontecesanas e tras un malentendido entra Sandra e Ana, Ainhoa quedara sola e facía o segundo gol das visitantes batindo a Salomé no man a man. Co empate outra vez no marcador, o Grupo Work volviu baixar a presión, esperando atrás a ver o que facían as pondalianas, o que fixo que estas volverán a xerar ocasións de gol. No minuto 44, Cintia tiña unha oportunidade de volver adiantarse no marcador cun tiro de falta, pero mándao a gardameta visitante a córner. Nos últimos cinco minutos do encontro e co cansancio xa visible en ambos conxuntos, non houbo ocasións claras para poder acadar a vitoria por parte de ningún equipo.
Remataba así a ida dos Cuartos de Final da Copa Provincial tras un bo partido co empate a 2, tendo que esperar ó partido de volta para saber cal será o equipo que pase ás semifinais, encontro que se disputará o vindeiro sábado 7 de Xuño ás 18:00 no Pavillón Municipal Sagrada Familia da Coruña.

 

Agradecer a todos os que nos apoian cada partido! E esperamos contar co voso apoio tamén o sábado na Coruña!

Vamos Ponteceso!!!!

 

12.05.2014 12:27
A xogadora do Concello de Ponteceso Beatriz Lista foi convocada pola Selección Coruñesa Cadete de Fútbol Sala para disputar o vindeiro sábado 17 de Maio en Carballiño o Campionato Galego de Seleccións.
Das tres xogadoras do Ponteceso escollidas para a preselección, só a porteira malpicana aparece na lista definitiva das seleccionadas para dito campionato, sendo ademais a única representante da Costa da Morte.
Dende o Club, directiva, corpo técnico e xogadoras queren felicitar ás súas compañeiras, tanto ás preseleccionadas como á finalmente seleccionada, por esa convocatoria e anímanas a que sigan traballando e esforzándose para que sigan chegando recompensas así.
 
Noraboa, Bea!!!! 
 
30.04.2014 11:30

Partido correspondente á 17ª xornada da Liga Provincial Feminina (aprazado anteriormente), disputado o domingo 27 de Abril ás 12:00 da mañá no Pavillón Municipal de Muxía, disputado entre o Fisober FSF “B” e o Concello de Ponteceso FSF, con resultado de 2-4 a favor das visitantes.

 

FISOBER FSF “B”: Anabel, Andrea, Tamara, Paula e Laura – tamén xogaron – Inés, Noelia e Natalia.

 

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF: Salomé, Ana, Martina, Carmen e Sandra – tamén xogaron – Carla, Bea e Zeltia.

 

Árbitros: Victoria Enjamio Mosquera (árbitro) e Mary Luz Mendoza Escalona (cronometrador), ambos do Comité Técnico de Santiago.

Amoestaron a Andrea por parte local.

 

Goles: 0-1.- Carmen
             0-2.- Carmen
             0-3. Carla
             1-3.- Inés
             1-4.- Ana
             2-4.- Laura 

 

Empezaba o encontro cunha forte presión por parte do Fisober sobre as pontecesanas, que estas resolveron non sen problemas, tocando e tocando ata cansar ó rival e facéndoo pecharse no seu terreo de xogo. A consecuencia do bo xogo do Ponteceso chegou no minuto 7, cando Carmen remataba no segundo pao unha boa xogada trenzada por case todas as integrantes do equipo . Tras o gol, viñéronse arriba as vimiancesas, pero sen conseguir crear moitas xogadas de perigo, xa que a defensa pontecesana tamén estaba moi ben axustada. Tras un roubo de balón no seu campo, Carmen facía a unha boa xogada individual que culminaba cun un tiro dende fóra da area á escadra da porteira vimiancesa, que nada puido facer, poñendo así o 0-2 para as visitantes. Con esa desvantaxe no marcador, veuse un pouco abaixo o Fisober, momento que aproveitaron as rapazas de Barca e Curro para facer o terceiro tanto, convertido por Carla nunha xogada á contra, e resultado co que foron cara os vestiarios.

Comezou o segundo período cun Fisober máis metido no encontro, presionando a todo campo e chegando con accións de perigo sobre a porteria de Salomé. Froito desto chegou un erro da defensa das pondalianas que lle valeu ás vimiancesas para anotar o seu primeiro tanto do encontro por mediación de Inés. O partido comeza a ser un toma e daca por parte dos dous conxuntos e con claras ocasións para marcar calquera deles, pero foi o Ponteceso o que sentenciaba o encontro a falta de 6 minutos para o remate nun rexeite na área que foi executado por Ana ó fondo das mallas da porteira local. Xa coas visitantes máis relaxadas, Laura conseguía facer o segundo tanto das vimiancesas nunha boa xogada. Remataba o partido co resultado de catro a dous para as visitantes e deixando un bo sabor de boca e boa imaxe por parte dos dous conxuntos da zona.

Por parte do corpo técnico do Concello de Ponteceso FSF agradecer o esforzo mostrado por todas as súas integrantes durante toda a tempada e polo apoio recibido por parte da afección e colaboradores.

A próxima cita do Ponteceso FSF será na Copa Provincial, co calendario todavía sen determinar por parte da FGFS.

30.04.2014 11:25

Partido correspondente á 22ª xornada da Liga Provincial Feminina, disputado o sábado 26 de Abril ás 18:00 da tarde no Pavillón Municipal Ponteceso, entre o Concello de Ponteceso FSF e o F.S.F Villa de Cee, con resultado de 2-2.

 

A.D. VILA DE PONDAL- CONCELLO DE PONTECESO FSF: Salomé, Ana, Martina Carla e Sandra – tamén xogaron – Carmen eBea.

 

FSF VILLA DE CEE: Belén, Andrea, Alba, María e Adriana. - tamén xogaron - Tatiana, Andrea Baio e Carla.

 

Árbitros: Borja Moreira Bermúdez (árbitro) e Yanet Hernández (cronometrador), ambos do Comité Técnico de A Coruña.

Amoestaron a Martina por parte local e Tatiana e Maria pola visitante.

 

Goles: 1-0.- Carmen (min.26)

             1-1.- Adriana (min.34)
             1-2.- Adriana (min.38)
             2-2.- Carmen (min.44)

 

Partido vistoso o que se puido ver na tarde do sábado no pavillón municipal de Ponteceso entre o Ponteceso e o FSF Villa de Cee.

Comezaron moi metidas no encontro as visitantes, poñendo unha gran intensidade e creando varias ocasións de gol sobre a portería das pontecesanas, que comezaron dubitativas e con moitos nervios.

Dende o saque inicial, as visitantes comezaron a crear perigo, sobre todo Andrea, pero Salomé evitaría primeiro o gol de Alba tras gañarlle no man a man e logo salva o tanto de Andrea tras un gran lanzamento que resolve a gardameta local cunha mellor intervención. María e Andrea estiveron a piques de abrir o marcador con dous disparos, pero o largueiro e o pao, salvaron ás locais. De novo, Salomé sería protagonista tras evitar coa axuda do poste o gol de Andrea tras un contragolpe.

Tras os intentsos minutos do equipos visitante, o equipo de Barca e Curro, que foi de menos a máis, comezou a aparecer en ataque e Bea, cun remate que se vai desviado, avisaría das intencións locais. Minutos despois, Bea de novo, non sería quen de resolver no man a man ante Belén, quen vería como o pau salvaba o primeiro tanto pontecesán tras un lanzamento de Sandra logo dun gran pase de Carla. Antes do tempo descanso, Carmen saca un disparo que atrapa Belén sen problemas. Irían así cara os vestiarios sen cambios no marcador.


Ó comezo da segunda metade, Carmen adiantaría ás pontecesanas logo de superar a Belén no man a man. Pero as ceenses non se viñan abaixo e Adriana responde cun disparo que atrapa Salomé sen problemas. Pero na seguinte que tivo, a capitana visitante poñería a igualada no luminoso cun lanzamento de falta que sorprende á porteira pontecesana tras pasar por debaixo das pernas de varias xogadoras. Mediada a segunda metade, Andrea voltaría a facer das súas pero sen ter sorte de cara ao gol, primeiramente cun lanzamento que se vai rozando o longueiro e logo cun potente lanzamento que envía Salomé a córner cunha gran parada. Pero sería de novo Adriana, a que foi quen de superar á gardameta local cun gran disparo cruzado para firmar o doblete. As oportunidades seguían aparecendo en ambas porterías, e Carmen igualaba o marcador co seu segundo tanto na tarde do sábado ao finalizar unha xogada combinativa e cun pase de Martina case á liña de gol. Os últimos minutos foron de ataque das visitantes e, antes do final do encontro, Tatiana puido anotar o 2 a 3 cun lanzamento que enviaría a córner Salomé, evitando así a derrota das pondalianas.

<< 1 | 2 | 3 | 4 | 5 >>

Encuesta

¿A que pensades que podemos aspirar esta tempada?

Votos totales: 167