Xornada 7.

11.11.2014 19:59

Crónica correspondente á 7ª xornada da Liga Provincial Feminina, partido disputado o sábado 8 de Novembro ás 16.00h no Pavillón Municipal de  San Francisco Javier de A Coruña, e que enfrontaba ó Espartanas FSF e ó Concello de Ponteceso FSF, con resultado de 1-6 a favor das visitantes.

ESPARTANAS FSF:Carmen, Ana, Andrea, Laura e María Guadalupe - tamén xogaron - Rebeca, Marta María, Marta e Nuria.

A.D.VILA DE PONDAL-CONCELLO DE PONTECESO FSF:Salomé, Martina, Carmen, Elsa e Sandra - tamén xogaron - Noa, Cintia, Ana e Isabel.

Árbitros:Jose Rodríguez Rey (árbitro) e Jose Luis Villarino Barja (cronometrador), ambos do comité técnico de Santiago.

Goles:1-0.- Rebeca 1-1.- Sandra 1-2.- Elsa 1-3.- Carmen 1-4.- Sandra 1-5.- Sandra 1-6.- Carmen

Chegaban as pontecesanas á Coruña enfrontarse coas penúltimas clasificadas da Liga Provincial Feminina, nun partido que sabían que ía ser intenso, posto que xa se coñecen dos anos anteriores.
Comezaban o partido as visitantes intentando ter o control, presionando ás rivais para impedirlles saír co balón xogado. Pero non llo iban poñer facil as Espartanas, que ós poucos minutos e tras un erro da porteira Salomé, facían o primeiro tanto do encontro por medio de Rebeca. O gol, lonxe de desanimar ás pondalianas, fixo que comezasen a xogar con máis ganas e a levar o peso do encontro, chegando varias veces con perigo á portería rival, pero sen lograr o empate. Era Sandra a que, tras un pase de Cintia ó borde da área, conseguía que o balón traspasase a liña de gol cun bo tiro, poñendo así as táboas no marcador. Non lles daban vez de chegar á portería ás herculinas, que vían como cada intento de aproximación era cortado. Cintia cun tiro desde fóra da área intentaba darlle a volta ó marcador, pero sería Elsa a que, cun bo tiro desde a frontal, mandaba o balón á escuadra sen que nada puidera facer a porteira local no que sería o 2º gol para as de Ponteceso. Xa co marcador a favor, Carmen facía o terceiro antes do descanso tras unha boa xogada combinativa do equipo. Irían así cara os vestiarios con 1-3 no electrónico.

No segundo período sairían igual as de Barca e Curro, moi metidas no partido e tendo o dominio deste. Poucas veces se achegaban as Espartanas á meta visitante, ó contrario que as da vila de Pondal, que desde o principio intentaban aumentar distancias no marcador. Carmen e Martina dispuxeron de varias ocasións, pero os balóns eran rexeitados pola porteira local. Cintia tamén o intentaba, pero o seu disparo pasaba rozando o pau. Con tanta ocasión non tardaría en chegar o 4º tanto, desta vez por medio de Sandra, que facía o seu segundo gol tras unha xogada individual a 12 minutos do final. Os últimos 10 minutos foron máis reñidos, coas Espartantas chegando máis á área pontecesana, pero sen xerar perigo de cara á portería. Serían as de Ponteceso as que volverían aumentar distancias no luminoso, outra vez Sandra, que conseguía o seu hat-trick tras unha contra das pontecesanas e un bo pase de Ana ó segundo pao. Pero non sería o último tanto, pois Carmen cunha bonita volea desde fóra da área, lograría o 6º e último gol da tarde a 5 minutos do final. Xa cunha clara vantaxe no marcador, os últimos 5 minutos foron máis relaxados, sen apenas ocasións por parte de ningún equipo.

Remataba así o partido con outros 3 puntos máis para o Concello de Ponteceso, que leva unha boa racha de 3 vitorias consecutivas e que a vindeira xornada se enfrontará ó primeiro clasificado, o 5 Coruña, que está a tan só 4 puntos de distancia e con un partido máis, no que se prevé que será un dos partidos máis complicados e intensos da volta. O encontro terá lugar o sábado 15 de Novembro ás 19.00 no Pavillón Municipal de Ponteceso.

Encuesta

¿A que pensades que podemos aspirar esta tempada?

Votos totales: 172